Monday 29 de April de 2024

Axendas de Moeche para esta fin de semana


Xeorruta do Toelo
Sábado 17 de xullo
10 a 14.00h
Saída do castelo de Moeche
Formulario de inscrición (prazas dispoñibles)

Dentro das accións de dinamización do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, o Concello de Moeche reedita as exitosas rutas que nos descobren as particularidades do toelo -un tipo de rocha case exclusiva da nosa zona- e dos espeleotemas que gardan as galerías de Mina Piquito.

Nesta ocasión sairemos do castelo ás 10.00h para visitar as antigas canteiras do monte da Caleira, de onde saíu toelo con finalidade ornamental e tamén para a industria metalúrxica. No camiño e ida e volta veremos tamén como se utilizou esta variedade de serpentinita na arquitectura tradicional e relixiosa.

A xeorruta do toelo ten un custe de 6€, nos que se inclúe o seguro e tamén a entrada no Castelo de Moeche. No formulario de inscrición indícase a maneira de facer o ingreso.

Cine ao aire libre: “Pérez, o ratiño dos teus soños”
Sábado 17 de xullo
22.15h
Área recreativa de Soutogrande

A Concellaría de Cultura tamén programou sesións de cine gratuito ao aire libre e adaptadas ás medidas preventivas. Este verán proxectaranse dous filmes de animación para público familiar co afamado Rato Pérez como protagonista.

O primeiro que se proxectará na área recreativa de Soutogrande, o sábado 17 de xullo a partir das 22.15h, é “Pérez, o ratiño dos teus soños”. Lucía perde o seu primeiro dente e, despois de gardalo debaixo da almofada, descobre que o Rato Pérez non veu durante a noite para deixarlle a moeda. A partir dese momento comeza unha historia animada chea de aventuras protagonizadas pola nena e o rato máis famoso do mundo.

Ruta por Abade
Domingo 18 de xullo
10.00 a 13.00h
Saída da igrexa de Mil de Abaixo

Ruta de sendeirismo pola parroquia de Abade e arredores -opcionalmente subirase a Coto Agudo- sobre unha distancia circular de 10 Km. de dificultade baixa. Sairase da igrexa de Mil de Abaixo ás 10.00 h e agárdase estar de volta sobre as 13.00 h. Recoméndase levar calzado e roupa axeitada para camiñar polo monte, ademais de auga e algún alimento lixeiro. A rapazada menor de 13 anos deberá ir na compaña dunha persoa adulta.

As inscricións para esta e outras rutas estivais poden facerse con cita previa até o venres anterior no departamento de Deportes, no correo daniel.feijoo@ moeche.gal, na Sede Electrónica municipal ou, o máis doado, contactando directamente co técnico telefonándoo ao 981 404 006 ext.3. Os impresos están a disposición das persoas interesadas na Sede Electrónica.Todos os itinerarios son en domingo e as reservas poden facerse até o venres anterior.